Hosting por dinahosting.

Vilagarcía

A idea de abrir unha Delegación da Liga Reumatolóxica Galega en Vilagarcía xurdiu por varias circunstancias: a primeira é descentralizar os servicios dende A Coruña por operatividade, tendo en conta a nula participación dos socios ubicados noutras localidades que non fosen do radio de influencia de A Coruña; a segunda é o desaproveitamento dos socios de fóra de A Coruña que, tendo inquedanzas en aportar traballo a prol da Liga Reumatolóxica Galega, impídellelo a lóxica da distancia (hai socios que viven máis alá de 100 Km. da sé principal). Tendo en conta istas cuestións, Xosé Lois Romero, un socio de Vilagarcía (e Vicepresidente da Liga Reumatolóxica Galega), ante o valeiro existente nesta zona, tomou a iniciativa de procurar unha Delegación que fose quen de dar servizos a persoas con doenzas reumáticas, tanto de Vilagarcía como da Comarca do Salnés. O primeiro paso foi falar coa persoa responsable dos Servicios Sociais do Concello; o segundo, acadar un grupo de colaboradores que acompañasen na idea e nos traballos. Logo de ter falado e comprometido a dous colaboradores, solicítase entrevista coa Concelleira de Servicios Sociais; desa entrevista sae o compromiso de ceder instalacións municipais para a realización de actividades, a colaboración en cartelería, e a posibilidade de procurar un local axeitado onde poder facer xuntanzas, dar información, e mesmo realizar pequenos obradoiros.  Comezamos o mes de maio presentando en Vilagarcía a Liga Reumatolóxica Galega en sociedade, como referente nesta bisbarra para tódalas persoas e familiares de persoas con padecemento de doenzas reumáticas, e ao mesmo tempo, diante dos medios de comunicación informamos do comezo dos primeiros Grupos de Axuda. Daqueles grupos que deron comezo xa no mes de maio e que continuaron en xuño e xullo, déronse de alta como socios oito persoas. Amais diso, fixemos unha programación de charlas-coloquio que deron comezo no mes de xuño, e continúan na actualidade. Tamén temos participado nas xornadas de voluntariado promovidas dende o Concello, e mesmo algún socio ten realizado obradoiros de voluntariado impartidos por expertos neste campo, e polos cales acadaron o correspondente diploma.         A pesares de dar continuidade ás actividades, non deixamos de ter entrevistas con responsables municipais, dende xefes de sección ata o Tenente Alcalde, e froito disa insistencia, a primeiros de setembro e logo de investir unhas horas de traballo (vernizado, pintado, limpeza, etc.) varios membros da asociación abrimos o local ao público. Dende aquela temos feito obradoiros de tapicería, punto de cruz e pintura, que seguen tendo continuidade