Hosting por dinahosting.

Actividades

ofrecemos iconA Liga Reumatolóxica Galega é unha entidade creada coa finalidade de ofrecer soporte, información e asesoramento ás persoas afectadas por unha enfermidade reumática e aos seus familiares; apoiar a investigación en torno a este tipo de enfermidades e sensibilizar á sociedade e ás distintas administracións; todo isto co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas con afeccións reumáticas.É por isto que a Liga traballa en torno aos seguintes eixos:

  • Facilitar espazos de información clara e comprensible sobre as enfermidades reumáticas e sobre aqueles ámbitos afectados por estas.
  • Prestar servizos de orientación, asesoramento e terapia ás persoas afectadas por enfermidades reumáticas e aos seus familiares.
  • Concienciar á sociedade e á opinión pública sobre a importancia dos reumatismos. Xa vimos antes que existen falsos mitos en torno a este tipo de enfermidades. A importancia do diagnóstico precoz fai necesario difundir unha información actual sobre as consecuencias individuais e sociais dos reumatismos.
  • A Liga Reumatolóxica Galega representa ás persoas con doenzas reumáticas ante a Administración e Institucións. Aporta propostas, reivindicacións e alternativas para mellorar a atención sociosanitaria.
  • Colaborar con outros profesionais de diferentes ámbitos na busca de intervencións que melloren a calidade de vida das persoas con afeccións reumáticas.

Actividades periódicas:

  • Obradoiros. Para ofrecer aos nosos socios actividades de lecer que contribúan a mellorar a súa calidade de vida, a Liga ofrece diferentes obradoiros, algúns deles son: clases de ximnasia rehabilitadora, obradoiro de relaxación, obradoiro de autoestima,…
  • Charlas, conferencias, cafés-tertulias. Actividades que se ofrecen ás persoas interesadas para que poidan ter información de primeira man relacionada con temas médicos, psicolóxicos e sociais.
  • Xornadas de convivencia. Co obxectivo de establecer lazos entre os socios da Liga Reumatolóxica Galega e aprender da experiencia doutras persoas con doenzas reumáticas e dos seus familiares, a Liga organiza xuntanzas e encontros nun ambiente lúdico e informal.
  • Campañas de sensibilización. Estas actividades realízanse co fin de manter informada á opinión pública e concienciar á sociedade e ás administracións da importancia dos reumatismos.

(Puedes seguir todas las actividades que se han realizado o se van a realizar en la categoría de actividades)

Servizos:

  1. Apoio individual e familiar.
  2. Terapia psicolóxica.
  3. Apoio social
  4. Información sobre trámites, axudas, recursos e prestacións.

PRESTACIÓNS E RECURSOS AOS QUE PODES TER ACCESO

Existen unha serie de prestacións económicas, recursos e servizos aos que podes ter acceso en función do tipo de enfermidade que padezas e da situación socioeconómica na que te atopes.

Está é unha lista dos recursos máis frecuentes, aínda que para coñecer se tes dereito a eles é mellor que te poñas en contacto coa traballadora social da asociación, que estudará a túa situación e te orientará cos trámites que teñas que realizar.

Solicitude do recoñecemento de minusvalía.
O feito de ter recoñecido o grao de minusvalía e, en función da súa porcentaxe, podes ter dereito a unha serie de beneficios fiscais e a outro tipo de axudas (exención do imposto de circulación, deducións fiscais, tarxeta de estacionamento,…)

  • Pensión non contributiva.
  • Pensións de invalidez da Seguridade Social.
  • Prestación familiar por fillo a cargo minusválido.
  • Prestacións económicas para adaptación funcional do fogar e para a adquisición de axudas técnicas.
  • Servizo de teleasistencia domiciliaria.
  • Servizo de axuda no fogar.
  • Servizo de transporte adaptado.
  • Estancias en balnearios a través dos Programas de Termalismo Social de Xunta e IMSERSO.